outra historieta

Tiña dúas boinas. Unha, de trapo, máis dura, perfecta para por pola semana; abrigadiña pro inverno e bastante fresca pro verán. A outra, negra, mais seria, adoitaba poñela nos dias grandes, aqueles nos que tiña compromisos sociais, que para deci-la verdade, ultimamente poucas veces non eran enterros. Camiño á horta cabilaba no tema, e decatouse que a súa boina de cotío estaba mais vella que a dos domingos. Todo isto non lle pasaba cando vivia Luisa. As boinas estaban sempre coma pinceis, perfectas para protexe-la cabeza baixo calquera situación. Luisa tiña un don innato e introducía as boinas novas na súa vida sem que se dese de conta, especialmente as boas, para ir sempre elegante cando iban á misa ou á festa. Máis dunha vez quedouse abraiado ó verse refrexado nos cristais do bar despois de poñer unha boina nova, sem terse decatado de que o era. Pero non pasaba só coas boinas, a roupa ou a comida. Luisa facía a vida dos demais moi doada, tan doada, que a xente que a rodeaba non se decataba. Era unha grande persoa. Tiña un carisma pouco comum e unha bondade infinda. Especialmente para el. Sentíase o home máis feliz do mundo por te-la sorte de comparti-la vida com ela. Lembrando aqui e alá de estas cousas, pasou a mañá e volveu a casa para comer.

Ó deixaren a boina no seu sitio volveu notar que a de cotio tiña três buracos, mentres que a dos domingos estaba bastante nova. Fixo a comida, de máis coma sempre, e sentouse na mesa para disfrutala. Cortou o pan. E cando o levou ó prato decatouse de algo...Non era a primeira vez que cortaba dous anacos. Pasaran xá 4 anos, pero non era raro que durmise nun lado da cama, sorprenderse deixando pasar polas portas a alguen que non existia ou que puxese dous pratos na mesa. Ó non teren fillos, as costumes calaban mais fondo. E ademais, que carallo, era como lles gustaba face-la súa vida.

Á tardiña chegou a hora de recolle-las vacas. Foise a Cascardin, xusto por riba da casa de Grilo. Estaban moitas deitadas. É unha mágoa, se rumian agora, non comen, se non comen non engoradan e dan menos leite. Dende logo, non teran tempo na corte pra rumiar?. Ademáis, Ali xa non é o que era, xa non pode traelas como facía antes. Tem moitos anos para un can. Fai tempo que se sabe que cada dia podia se-lo derradeiro. As moi condenadas estaban ciscadas por todala finca. Iba levarlle un bo tempo xuntalas. Cando vivia Luisa non pensaba niso. Ela era quen de xuntalas, e mantelas de pe sen axuda e sem que nin te decatases de que alguén o estaba a facer. Botaba moito en falla cando chegaba de ver ó tratante, despois dun duro dia de negocio, e vía a Luisa na finca, com Ali correndo aqui e acolá, coas vacas xuntiñas e listas para ir para casa, sorrindo e saudando coa súa man ó seu home que voltaba. Tiña um sorrir coma non vira noutra persoa em toda a súa vida. Neses intres parecia que o tempo paraba e que lle facia a competencia ó mesmo sol á hora de iluminaren a face da terra. Cando chegaba a xunto dela sempre tiña um atadiño, com algunha sorpresa. Dúas mazás, unha botelliña de augardente ou o mais sinxelo, pero o que mais lle gustaba: um bico.

Despois dun bo rato foi quen de trae-las vacas á casa. Entrou e foi deixa-las súas cousas na habitación. Estaba canso. Os anos non perdoan. Outro dia mais deitaríase sem cear, e sem compartir com ninguen as novas do dia. Sem sentarse a falar, contando cousas sem importância, sem apoiar a cabeza nun hombreiro amigo e sentirse escoitado e imprtante. Colgou a roupa na cadeira. Mañá voltaría a usala. Non lembraba xá cantos dias facia que a puxera. Cando foi colga-la boina, volveu vê-la dos domingos, a dos dias importantes, a de mostrarse ó mundo. Estaba nova, e isso non cuadraba. Ó darlle co brazo, a boina caeu ó chan boca arriba. Tiña a etiqueta por dentro, non a quiatara o dia do enterro de Luisa polas presas. Claro que estaba nova, só esa vez a usara.


On May 26 2009 Edit






lleimicojon

unknown - 06/05/1982 (29 years old)
161 Photos
Estos por quien me t, Masqa?, Oman




Loading ...